Comezará en outono a tramitación do Parque Natural de Pena Trevinca, segundo anunciou hoxe Xosé Benito Reza

Fuente: www.xornalgalicia.com

Así o anunciou hoxe o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, en A Veiga, onde explicou que, como primeiro paso, se está a traballar na elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do espazo, que se presentará nesta data.

Na actualidade, existen seis parques naturais en Galicia: Fragas do Eume, Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra, estes tres últimos tamén na provincia ourensá.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comezará en outono a tramitación do Parque Natural de Pena Trevinca, segundo anunciou hoxe o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza. O responsable autonómico participou esta mañá na IV Feira de Caza e Natureza de A Veiga, xunto co alcalde da localidade, Fernando Fernández.

Xosé Benito Reza explicou que a consellería está a traballar no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do futuro parque, que abarca aos concellos ourensáns de Viana do Bolo, A Veiga e Carballeda de Valdeorras. Este documento presentarase en outono e, a partir de entón, iniciarse o procedemento para a declaración do espazo natural.

O director xeral resaltou que o gran obxectivo para esta zona é a creación do parque natural, así como potenciar o desenvolvemento socioeconómico dos concellos que se verán incluídos dentro da futura figura de protección. Por este motivo, a Consellería de Medio Ambiente traballa xa nun plan específico para a súa dinamización da montaña oriental ourensá.

O Parque Natural de Pena Trevinca sumarase aos seis espazos galegos xa amparados baixo esta figura de protección: Fragas do Eume, Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. Os tres últimos están ubicados na provincia ourensá, co que o de Pena Trevinca converteríase no cuarto parque natural de Ourense. Poren, as previsións da Consellería de Medio Ambiente pasan pola declaración doutros tres parques, Os Ancares e O Caurel, en Lugo, e o Macizo Central, tamén na provincia de Ourense. A súa creación farase mediante un proceso de participación e información pública e sempre co consenso de todos os axentes implicados.

Senda verde no encoro de Padra
Á marxe desta cuestión, no transcurso da feira, Xosé Benito Reza tamén avanzou noutras iniciativas proxectadas para a zona, das que a primeira será a creación dunha senda verde arredor do embalse de Prada. Un proxecto que o director xeral salientou como o primeiro paso para a posta en valor deste territorio.

A Consellería de Medio Ambiente destinará 357.882,57 euros á creación da senda, á construcción de miradoiro e en poñer a disposición dos usuarios puntos de recollida de bicicletas. Será un camiño peonil, que rodeará por completo o encoro de Prada, e terá unha lonxitude de 32 quilómetros, dende o seu inicio no concello de A Veiga, na comarca ourensá de Valdeorras. Para isto, buscaranse e se recuperarán os camiños tradicionais e só en casos excepcionais se abrirán sendas novas de entre 1,5 e 2 metros de ancho e nas que se respectará a capa vexetal orixinal do terreo.

A senda contará con áreas singulares, concretamente miradoiros nos que se instalarán paneis informativos e interpretativos sobre as características biolóxicas e xeolóxicas da zona, situadas nas proximidades dos antigos pasos sobre o río.

Ademais, haberá un miradoiro que fará referencia á aldea de Alberguería, mergullada no embalse, no que se explicará a súa historia e as circunstancias o seu abandono, e outro preto de Vilaboa, dende o que se poderá observar a paisaxe da presa, as aldeas do redor, a marxe dereita do río Xares e os cumios dos montes Maluro e Pena Trevinca, grazas aos telescopios que se instalarán no miradoiro. Os veciños e visitantes poderán empregar tamén as bicicletas que estarán a súa disposición en A Veiga e Prada para recorrer o novo sendeiro.

Deixe un comentario